Rexina Rodríguez, premio Xerais cunha novela sobre a guerra civil
XORNAL I Vigo.- Na illa de San Simón, na ría de Vigo, déronse a coñecer os tres premios literarios que concede a editorial Xerais. O XXIV Xerais de Novela foi para Contra o cardume, de Rexina Rodríguez; o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil para An Alfaya e Illa Soidade, e o XXI Merlín de literatura infantil recibirao Carlos López, «Pinto», por Minimaladas. Contra o cardume é a primeira novela de Rexina Rodríguez Vega. A autora dedícase á critica literaria, ten escrito na revista Quimera e é autora de dous libros sobre a obra de Cunqueiro: Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro (Edicións do Cumio, 1992) e Álvaro Cunqueiro: unha poética da recreación (Laiovento, 1997). É, ademais, profesora de Lingua…
XORNAL I Vigo.- Na illa de San Simón, na ría de Vigo, déronse a coñecer os tres premios literarios que concede a editorial Xerais. O XXIV Xerais de Novela foi para Contra o cardume, de Rexina Rodríguez; o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil para An Alfaya e Illa Soidade, e o XXI Merlín de literatura infantil recibirao Carlos López, «Pinto», por Minimaladas.
Contra o cardume é a primeira novela de Rexina Rodríguez Vega. A autora dedícase á critica literaria, ten escrito na revista Quimera e é autora de dous libros sobre a obra de Cunqueiro: Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro (Edicións do Cumio, 1992) e Álvaro Cunqueiro: unha poética da recreación (Laiovento, 1997). É, ademais, profesora de Lingua Española na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra.
A novela gañadora do Xerais 2007 está ambientada en Vigo nos últimos días da República e ao comezo da guerra civil. Conta os recordos dunha muller na actualidade que vai recuperando a súa memoria e as lembranzas da primeira represión franquista.
O xurado valorou a definición dos personaxes, a boa documentación e a contextualización da época, o seu realismo e o feito de que sexa un exercicio de recuperación da memoria sen caer no vitimismo. Así mesmo, salientou o estilo, directo e, ao tempo, poético, e o correcto emprego da metáfora. O Xerais de Novela está dotado con 15.000 euros.
OUTROS PREMIOS.- An Alfaya, escritora viguesa, obtivo o segundo Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, valorado en 7.500 euros, con Illa Soidade. Alfaya, que estudou na Escola de Formación do Profesorado de Vigo e Criminoloxía e Detective Privado na Universidade Complutense de Madrid, xa obtivera diferentes premios de teatro infantil.
Carlos López, máis coñecido pola súa faceta como parte ‘non debuxante' do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto, gañou o XXII premio Merlín de literatura infantil con Minimaladas, contos curtos protagonizados por animaliños. O galardón tamén ten unha dotación de 7.500 euros.
O xurado do Xerais de Novela estivo composto polo empresario e arqueólogo Xosé Lois Vilar, a xornalista Lara Rozados, o libreiro Xurxo Patiño, o músico Abe Rábade, a xornalista Belén López e o editor Francisco Alonso Villaverde, en representación de Xerais, con voz pero sen voto.
Os encargados de seleccionar a gañadora do Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil foron Verónica Rego, responsábel de publicacións da Fundación Caixa Galicia; Óscar Sánchez López, crítico de cine; Erea Fabeiro Rey, estudante de 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar; Elena Caride Miana, estudante de 2º de Bacharelato do IES Sánchez Cantón de Pontevedra; José Carrero González, estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo, e o editor Xosé Manuel Moo Pedrosa, representando a Xerais.
No xurado do Premio Merlín estiveron a profesora Ana Amado Reino, a tradutora Patricia Buján Otero, a crítica Paula Fernández González, o ilustrador Andrés Meixide Gayoso, a profesora Mercedes Núñez Fernández e a editora Helena Pérez por parte de Xerais.